Panxea Sociedade Cooperativa Galega é unha Cooperativa de Consumidores e Usuarios que queremos construír unha economía alternativa, social e solidaria, a través do Comercio Xusto e Consumo Responsable.
Para iso traballamos impulsando cambios no xeito de comerciar e consumir que, dende o pequeno e o local, vaian mudando as estruturas a prol da xustiza social, ecolóxica e de xénero, e a prol dunhas novas relacións comerciais baseadas na equidade nos intercambios, no respecto ás persoas, ao medio natural e ás culturas, garantindo o pago dun prezo xusto polos produtos locais e polos de lonxe, e o respecto aos seguintes principios do Comercio Xusto:
- Salarios e condicións de traballo dignas.
- Ausencia de explotación laboral infantil.
- Igualdade entre home e muller.
- Relacións a longo prazo e pago de parte do prezo por adiantado.
- Aposta polos circuítos curtos de comercialización e polos produtos locais e de tempada.
- Funcionamento participativo e democrático das organizacións.
- Reinversión de parte dos beneficios sobre as propias comunidades.
- Respecto polo medio ambiente en toda a cadea (produción, transformación, envasado, transporte e comercialización).
- Produtos de calidade.
- Información ao consumidor e transparencia en toda a cadea
A historia de Panxea comeza en 1995, cando nace como asociación sen ánimo de lucro para o comercio xusto e solidario. En 2006 Panxea é galardoada co premio Vagalume do Concello de Santiago de Compostela polo traballo realizado na difusión do comercio xusto, o consumo responsábel e a economía social na cidade. En 2010 Panxea evoluciona e adopta unha nova forma como Sociedade Cooperativa Galega, que é a encargada da xestión da nosa tenda na rúa da Rosa nº 36.
Panxea ten un funcionamento democrático, aberto e participativo a través de asembleas semanais dos martes as 20:30.
Podes atopar mais información de Panxea navegando pola nosa antiga web aquí.